Galicia volve converterse en escenario dunha coprodución internacional coa rodaxe de Pínkala, a nova longametraxe de Juanjo Giménez, que desenvolve boa parte da súa filmación en localizacións de Vigo e Tomiño.
A película está producida pola compañía galega Frida Films en coprodución coa produtora lituana M-Films e conta con Pol López e María Leite como protagonistas. Tras varias semanas de traballo en Galicia, o equipo afronta xa a fase final da rodaxe antes de completar parte da produción en Lituania.
Vigo funciona como escenario principal da historia e concentra distintas secuencias en espazos da cidade. Entre elas figura unha escena gravada na Estación Marítima, transformada para recrear un control de seguridade aeroportuario. O equipo tamén ten previsto traballar nos antigos xulgados vigueses, ademais de desprazarse a unha localización interior en Tomiño.
O Concello de Vigo colabora coa produción na tramitación de permisos, na procura de localizacións e na cesión de espazos municipais, facilitando o desenvolvemento dunha rodaxe que se prolonga durante varias semanas na cidade.
Unha historia sobre a vulnerabilidade e os coidados
Pínkala conta a historia de Sam, un home cunha sensibilidade extrema aos estímulos que vive practicamente illado. A chegada dunha nova persoa ao seu contorno altera o seu equilibrio e lévao a iniciar un proceso de transformación persoal. A película propón así unha reflexión sobre a vulnerabilidade, os coidados e os vínculos humanos.
Juanjo Giménez conta cunha recoñecida traxectoria internacional. O seu curtametraxe Timecode obtivo a Palma de Ouro no Festival de Cannes e foi candidato aos premios Óscar, mentres que a súa anterior longametraxe, Tres, participou nos festivais de Venecia e Toronto.
A produción recibiu unha achega de 350.000 euros a través da liña de apoio á atracción de rodaxes audiovisuais en Galicia.