Sobre Galicia

SHOOTING AT THE END OF THE WORLD

Situada no noroeste de España e aberta ao Atlántico, Galicia é o finisterrae, a fin da Terra e un espazo de encontro cultural que leva máis de 2.000 anos recibindo viaxeiros, relatos e miradas. A súa historia, o seu simbolismo e a súa identidade constrúen un territorio cunha forte personalidade narrativa, recoñecible e singular.

Un lugar no que as paisaxes transitan do mar á montaña en poucos quilómetros, permitindo recrear as catro estacións do ano nun único territorio. A súa situación xeográfica ofrece, ademais, unha hora máis de luz natural durante os meses de verán, unha vantaxe clave para a planificación e o aproveitamento das xornadas de rodaxe.

Aquí, o territorio convértese en linguaxe audiovisual. A relación entre natureza, patrimonio, arquitectura e actividade humana xera escenarios con carácter propio, capaces de soster historias diversas sen perder autenticidade. Unha terra onde tradición e contemporaneidade dialogan de maneira natural.

Galicia ofrece un contexto creativo sólido, cunha cultura audiovisual consolidada e unha clara vocación de acollida á produción. Un lugar pensado para contar historias con fondo, atmosfera e identidade.

COSTA

O mar comeza en Galicia. Rodeada por aproximadamente 1.300 quilómetros de océano Atlántico, a súa costa mestura algúns dos cantís máis altos de Europa con praias virxes de area branca. Faros, vilas mariñeiras, portos pesqueiros e industriais, rochas, buques, tronadas, illas, ondas, veleiros e acuarios conforman unha paisaxe atlántica única.

Rías profundas, estuarios naturais e horizontes abertos ao océano definen un territorio marcado pola forza do mar e pola luz cambiante. Mesmo os ríos atopan aquí o seu final, precipitándose directamente no océano nun fenómeno excepcional en Europa.

Unha costa viva, salvaxe e diversa, capaz de acoller relatos íntimos ou grandes producións de aventura.

Imaxe
Costa Galega e mar bravo
Faro de Lariño (Carnota)

PAISAXES DE INTERIOR

Galicia é verde e azul, amarela e castaño, laranxa, branco e violeta. A súa paisaxe está chea de cores, formas e texturas. Chairas verdes, suaves montes, pero tamén picos escarpados; ríos e regatos que debuxan canóns, remansos e fervenzas… moitos mundos nun só territorio.

O Camiño de Santiago, os bosques atlánticos, as reservas naturais, as pradeiras, a neve, as camelias, a horta, as castañas, os montes e os viñedos conforman unha xeografía diversa e viva. Galicia é tamén o país dos mil ríos: encoros, fervenzas, pontes e muíños que forman parte da súa identidade paisaxística e cultural.

Imaxe
Fragas do Eume, río entre néboas
Fragas do Eume

ARQUITECTURA

Canteira infinita, Galicia empregou as materias primas extraídas das súas entrañas para erguer milleiros de construcións singulares, testemuñas de tempos pasados, cronistas do presente e visionarias do futuro. Castros, murallas romanas, pazos, catedrais e mosteiros, castelos, cruceiros, núcleos rurais, hórreos e pombais, balnearios, pontes milenarias e de vangarda.

Un patrimonio arquitectónico diverso no que conviven tradición e modernidade, integrado de forma natural na paisaxe e na identidade cultural do territorio. Espazos que permiten viaxar no tempo ou proxectarse cara ao futuro sen abandonar un mesmo escenario.

Imaxe
Cemiterio de Santa Marina do Dozo (Cambados)
Cemiterio de Santa Marina do Dozo (Cambados)

VILAS E CIDADES

Como as nosas xentes, as cidades galegas están cheas de vida. Santiago de Compostela naceu da forza dun mito, e esa enerxía permanece en cada unha das rúas empedradas que arrodean a impoñente Catedral. A Coruña, baixo a luz do faro romano máis antigo do mundo, é unha cidade moderna e vital aberta ao Atlántico. Ferrol é unha referencia histórica e actual da industria naval e sede da Armada española. Lugo e Ourense, atravesadas por un  río Miño de augas tranquilas, permiten viaxar aos tempos do Imperio romano. Pontevedra, medieval e nobre, encarna o espírito xenuíno das capitais de provincia burguesas. Vigo simboliza a forza industrial, cun gran porto mercante e un potente sector pesqueiro.

Rúas, noite, tráfico, negocios, graffiti, parques e xardíns, escolas, arte, comercio, neón, concertos, hospitais, estacións, aeroportos… cidades vivas, dinámicas e cheas de posibilidades narrativas.

Imaxe
Vista aérea de Santiago de Compostela
Santiago de Compostela

Localizacións

Paisaxes de interior, costa e praias infinitas, vilas con historia, acantilados e montañas nevadas... Galicia é en si mesma un plató de rodaxe.

Profesionais

Actrices e actores, músicos e compositores, profesionais da produción, edición e posprodución, da fotografía, iluminación, realización e dirección... en resumo, profesionais altamente cualificados en todos os ámbitos da produción audiovisual.

Empresas do sector

Produtoras de cine e televisión, publicidade, vídeo, animación e videoxogos, servizos de produción... calquera que sexa a túa necesidade, atoparás en Galicia a empresa que te pode axudar a acadar o teu obxectivo.