CATÁLOGO FILMS FROM GALICIA
Films from Galicia é a marca creada pola Xunta, no marco do programa de internacionalización do audiovisual galego, para contribuír á promoción exterior da nosa máis recente produción cinematográfica e televisiva, así como para reforzar a súa presenza nos principais mercados do sector, tanto dentro como, especialmente, fóra de España.
Os seus contidos renóvanse cada ano, concretándose na edición física e dixital, en idioma inglés, dun catálogo de producións e proxectos galegos nas seguintes categorías: longametraxes de ficción, documentais, animación e series televisivas (as curtametraxes contan cun tratamento diferenciado a través da marca propia Shorts from Galicia). Xunto co vídeo promocional que a acompaña, esta publicación dá conta da puxanza dunha industria audiovisual aberta ao mundo, pero sen renunciar aos valores culturais propios de Galicia.
CATÁLOGO SHORTS FROM GALICIA
Shorts from Galicia é a marca da Xunta de Galicia para a promoción exterior das curtametraxes galegas, que, xunto con Films from Galicia, ocupa un lugar destacado no programa de internacionalización do audiovisual galego como mostra do potencial creativo do noso cinema, recoñecido en festivais de todo o mundo.
Baixo esta rúbrica publícase cada ano unha selección de traballos destacados de produción e/ou autoría galega neste formato. A publicación, editada en inglés, conta con versións física e dixital, e acompáñase do correspondente vídeo promocional.
MEMORIA ANUAL DE ACTIVIDADE
A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) publica cada ano unha memoria de actividade na que se recolle o labor desenvolvido ao longo do exercicio, en colaboración cos axentes do sector, para impulsar tres piares fundamentais da cultura galega: o audiovisual, as artes escénicas e a música.