Galicia é un territorio pensado para a produción audiovisual, no que conflúen creatividade, capacidade técnica e condicións favorables para levar a bo termo proxectos de calquera escala. Un contexto estable e versátil que facilita a toma de decisións e a execución eficiente das rodaxes.
A industria audiovisual galega conta cun tecido profesional sólido e altamente especializado, integrado por varios miles de profesionais. Equipos técnicos e creativos con ampla experiencia en todo tipo de proxectos garanten a optimización dos recursos e a obtención dos mellores resultados. Dirección, guión, produción executiva, fotografía, son, efectos visuais, animación, arte, vestiario, maquillaxe, márketing, deseño gráfico ou operación de cámara conforman un ecosistema completo e competitivo.
Rodar en Galicia é sinxelo e eficiente. A través da Galicia Film Commission, as produtoras nacionais e internacionais reciben asesoramento gratuíto, apoio na xestión de permisos, acceso a profesionais locais, acompañamento institucional e promoción internacional dos seus proxectos.
O territorio ofrece, ademais, condicións económicas favorables para a produción, con incentivos fiscais competitivos, custos operativos axustados e unha infraestrutura técnica consolidada. A súa accesibilidade vese reforzada por unha rede de conexións aéreas con tres aeroportos en Galicia e un aeroporto internacional de referencia a pouca distancia, facilitando a mobilidade de equipos e recursos.
Galicia combina talento, capacidade produtiva e condicións óptimas para producir con calidade, eficacia e identidade.