A Galicia Film Commission é a oficina encargada de potenciar e favorecer a realización de rodaxes audiovisuais na Comunidade Autónoma de Galicia. En coordinación coas oficinas de rodaxe provinciais e locais, así como cos colectivos de representación do sector audiovisual galego, traballa para atender con eficacia as diferentes necesidades das produtoras nacionais e internacionais de cine, televisión e publicidade que elixen Galicia como escenario para as súas filmacións.
É un servizo da Xunta de Galicia, prestado desde a Axencia Galega das Industrias Culturais, en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica e a Secretaría Xeral de Turismo. A súa prioridade é situar Galicia como destino preferente para rodaxes de cine, televisión e publicidade, contribuíndo ao fomento da industria audiovisual local, á promoción do turismo e á dinamización da actividade económica galega no seu conxunto.
Na procura destes obxectivos, Galicia Film Commission ofrece os seguintes servizos e accións:
- Posta a disposición dun buscador de localizacións baseado en sistemas de intelixencia artificial.
- Bases de datos de profesionais e empresas do sector audiovisual galego.
- Información e apoio na tramitación de permisos de rodaxe
- Incentivos económicos ás rodaxes, con apoio na tramitación e na xestión das subvencións públicas autonómicas.
- Promoción exterior de Galicia e da súa industria audiovisual.
Este conxunto de accións busca non só facilitar o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en Galicia, senón tamén atraer producións internacionais, reforzar o sector audiovisual local e xerar un impacto positivo na economía e na promoción cultural do territorio.