Nova convocatoria de axudas ao desenvolvemento audiovisual cunha dotación de 1,2 millóns de euros

Engadir á miña lista de favoritos
29 de Xullo 2026

As produtoras audiovisuais galegas poderán optar a unha nova convocatoria de axudas ao desenvolvemento de proxectos, dotada con 1,2 millóns de euros e destinada a impulsar a preparación de futuras películas e series.

A principal novidade desta edición é a creación dunha modalidade específica para a presentación de paquetes de tres ou catro proxectos, á que se reservan 900.000 euros. Os 300.000 euros restantes destinaranse a proxectos individuais. Esta fórmula busca facilitar unha planificación a medio prazo por parte das empresas, optimizando recursos e favorecendo a continuidade da actividade e do emprego no sector.

As axudas permitirán cubrir diferentes gastos asociados ás fases iniciais dos proxectos, como os custos de persoal, asesoramento e consultoría, desenvolvemento de guións e músicas, elaboración de materiais previos ou participación en foros e mercados especializados.

Poderán presentarse persoas físicas ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes que conten cun mínimo dun ano de actividade ininterrompida.

As contías máximas varían segundo a tipoloxía do proxecto: ata 30.000 euros para longametraxes de animación e series de ficción ou animación; ata 25.000 euros para longametraxes de ficción; e ata 20.000 euros para series e longametraxes documentais.

A convocatoria resolverase en réxime de concorrencia competitiva e está cofinanciada con fondos FEDER no marco do programa Galicia 2021-2027. O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o 24 de agosto de 2026.

Esta liña supón unha oportunidade para fortalecer as primeiras fases dos proxectos audiovisuais galegos, avanzar na súa viabilidade creativa e financeira e mellorar o seu posicionamento ante futuras convocatorias de produción, coprodución e rodaxe.

Imaxe