Ciencia e cinema coinciden en Galicia coa rodaxe de Despois da eclipse (Rumbo ás estrelas)

Engadir á miña lista de favoritos
12 de Agosto 2026

Galicia convértese estes días en escenario da rodaxe de Despois da eclipse (Rumbo ás estrelas), un documental dirixido por Alba Prol e producido por Meteórica Cine en coprodución con Abano Producións.

O proxecto segue a traxectoria da científica viguesa Begoña Vila durante algúns dos momentos máis relevantes da misión Nancy Grace Roman da NASA, combinando a súa dimensión profesional coa perspectiva máis persoal do seu regreso a Galicia.

A rodaxe desenvolveuse en diferentes instalacións da NASA nos Estados Unidos e continúa agora en varias localizacións galegas, coincidindo cun acontecemento excepcional: a eclipse total de Sol. A presenza de Begoña Vila en Galicia durante estes días permitirá incorporar ao documental un momento especialmente significativo da súa historia, ligado tamén ao reencontro coa súa terra, coa súa familia e co seu círculo máis próximo.

A película propón así unha aproximación á figura dunha das científicas galegas con maior proxección internacional, ao tempo que conecta investigación, ciencia e territorio a través dunha produción audiovisual con vocación internacional.

Despois da eclipse (Rumbo ás estrelas) conta cunha achega de 120.000 euros a través das axudas á produción audiovisual da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Imaxe