O Consello da Xunta autorizou hoxe as bases e a próxima publicación, en réxime de concorrencia competitiva, da convocatoria de subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos correspondente a 2026, que aumentan a súa dotación un 16,6 % respecto a este 2025 para situarse nos 3,5 M€.
Con esta nova suba, mantense a tendencia ascendente que nos últimos cinco anos vén experimentando o investimento directo do Goberno autonómico na produción galega de películas e series, en consonancia coa intensa actividade que está a rexistrar o sector, así como coa capacidade e o talento que avalan as numerosas seleccións en festivais de prestixio internacional e os premios acadados. Sirat é un dos máximos expoñentes deste percorrido internacional, no que tamén destacan outros títulos subvencionados a través desta liña como Onte á noite conquistei Tebas, Decorado, Ariel, As estacións ou As liñas descontinuas, entre outros.
Trátase da principal liña de investimento á industria audiovisual galega dentro do programa anual de axudas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais para acompañar economicamente as empresas desde o xermolo e o desenvolvemento dos proxectos ata a súa produción, rodaxe, difusión, comercialización e exhibición.
Cinco categorías
As bases establecen cinco categorías de proxectos subvencionables, segundo sexan longametraxes cinematográficas de ficción e/ou animación, de tipo documental, longas en coprodución internacional con participación minoritaria española, curtametraxes ou series para seren emitidas por televisión ou plataformas baixo demanda.
O baremo de puntuación dos proxectos continúa dándolle prioridade ao uso do galego, á participación de mulleres en todos os ámbitos e ao emprego de profesionais, recursos e servizos de empresas galegas. Ademais, os criterios de selección están estreitamente relacionados co territorio en canto ás localizacións de rodaxe, os estudos ou os profesionais creativos, técnicos e artísticos implicados, sen menoscabo da calidade dos contidos e o seu potencial de circulación a nivel estatal e internacional.
A finalidade destas condicións reflíctese claramente nos 26 títulos de cinema e televisión, entre os cales a Xunta distribuíu os 3 M€ convocados en 2025. Destacan, entre eles, os proxectos con equipos femininos e o uso maioritario do galego nas versións orixinais. Ademais, oito das longametraxes subvencionadas viñan avaladas pola concesión en anos anteriores das axudas do Goberno galego para a escritura do guión e para o desenvolvemento previo das tarefas de preprodución, de xeito que estas axudas lles facilitan a súa continuidade cara á chegada ás pantallas.