A serra do Courel ten unha extensión de 21.020 hectáreas e é xeoloxicamente a máis completa das serras galegas. Nela alternan os profundos vales poboados de espesa vexetación, onde se mesturan o bosque mediterráneo e o bosque atlántico, e as altas cumes que superan os 1500 metros de altitude. Esta serra esténdese polos concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Pedrafita do Cebreiro, e alcanza territorio da veciña provincia de León. Trátase dunha paisaxe de montaña salpicada de aldeas agochadas que, polo seu difícil acceso, conservou toda a beleza do auténtico. Declarada Zona de Especial Protección de Valores Naturais (ZEPVN).