Localizado na Punta do Muíño, en Alcabre (Vigo) este museo naceu co obxectivo de ser un espazo dedicado ao mar. É un ambicioso proxecto cultural e científico inaugurado en xuño do 2002 e deseñado polo arquitecto italiano Aldo Rossi canda o galego César Portela. Consta dun conxunto de tres edificios que se complementan cunha zona exterior na que, ademais de gozar das fermosas vistas da ría de Vigo, pódese visitar o Castro da Punta do Muíño do Vento, unha antiga poboación castrexa parcialmente musealizada habitada dende o século VIII a.C. ao século I d.C.