O conxunto arqueolóxico de San Cibrao de Las destaca pola gran superficie que ocupa, aproximadamente unhas 10 hectáreas, e polo seu bo estado de conservación. A súa morfoloxía xeral ofrece dous recintos amurallados: a "croa", ou recinto superior, e o recinto inferior, de maior superficie e onde se sitúa o espazo de vivenda do xacemento. Unha única rúa empedrada cruza os recintos de leste a oeste. É un castro representativo da etapa final da cultura castrexa. Estivo habitado desde o século II a. C. ata o século II d. C., con ocupacións residuais durante os séculos III e IV d. C.