Castro Caldelas está situado nun outeiro que domina a ribeira do río Edo. Esta vila amosa fermosas galerías brancas e interesantes casas que nos falan dun rico esplendor medieval. O casco vello de Castro Caldelas foi declarado conxunto histórico-artístico en 1998. Abarca, principalmente, as rúas que soben cara ao Castelo dos Condes de Lemos: a rúa do Sol e a rúa Grande. Son rúas empedradas que seguen a traza medieval e amosan interesantes casas de pedra con galerías e escudos.