Algunhas obras audiovisuais presentan certos elementos susceptibles de ser rexistrados como marca, de acordo coa normativa establecida pola Lei de Marcas: títulos, lemas, logotipos e incluso nomes, frases ou formas de determinados personaxes. Todo depende do tipo de produción (animación, publicitaria, cinematográfica) e dos plans de mercadotecnia que sobre ela teña a compañía produtora. Cada produto deberá rexistrarse na Oficina Española de Patentes e Marcas dentro da clase que lle corresponda. As solicitudes pódeas facer directamente o interesado ou ben a través dun axente oficial da Propiedade Industrial. É importante recordar que no caso da propiedade industrial o dereito nace co rexistro: se o autor non rexistrou, non lle asiste ningún dereito, por iso recoméndase analizar en cada caso particular os elementos que poidan ser obxecto de protección e tutela da lei de marcas.
Nos últimos tempos púxose de moda unha técnica publicitaria de financiamento en longametraxes cinematográficas denominada “product placement”, consistente en incluír un determinado produto, servizo ou marca dentro do escenario argumental no que se desenvolve a acción. O produto pode ter un papel máis ou menos activo na trama, chegando incluso a interactuar cos personaxes. Para o uso axeitado deste polémico recurso é necesario contar coa autorización expresa e por escrito do titular do produto e do produtor da obra audiovisual.