A Xunta mobiliza 8 M€ neste 2026 para seguir fortalecendo o audiovisual como sector estratéxico

Engadir á miña lista de favoritos
01 de Abril 2026

A Xunta mobilizará neste 2026 ao redor de 8 M€ no marco do seu programa de axudas para o sector audiovisual galego, cun impacto directo sobre os profesionais, as empresas e os proxectos que conforman a industria. Así o destacou hoxe o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil,  na Comisión 4ª do Parlamento, onde compareceu a petición propia e apuntou que o Goberno galego “ten o obxectivo claro e inequívoco de seguir fortalecendo un sector estratéxico para Galicia, que se consolida como un dos grandes motores culturais, económicos e de proxección exterior da nosa terra”.

Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que “contamos cun modelo propio de apoio baseado no diálogo cos seus axentes e na estabilidade das nosas políticas públicas, garante da seguridade xurídica, previsibilidade e investimento”. Así, durante a súa intervención, fixo referencia ás sete liñas de subvencións que durante os últimos tempos contribuíron en gran medida a éxitos como Sirat, a primeira película galega en recibir nominacións aos Óscars.

Entre as axudas, Sutil destacou o importante incremento na convocatoria destinada ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos, que pasa dunha previsión de 300.000€ a 1,2 M€, financiados con fondos propios da Comunidade e polo programa FEDER 2021-2027. Así, o significativo aumento da dotación ten que ver coa incorporación dunha nova categoría para o desenvolvemento de paquetes de proxectos que, tal e como explicou, “permitirá acadar maior estabilidade e fortalecemento empresarial porque facilita que se planifiquen iniciativas a medio e longo prazo, impulsando tamén o talento creativo galego, priorizando aos nosos autores e autoras”.

Por outra banda, fixo fincapé na importancia das axudas a cines, que este ano terán unha dotación de 480.000€ achegados polo Ministerio de Cultura. O seu propósito, puntualizou Sutil, “é contribuir a darlle cobertura a este sector fundamental para a difusión do noso cinema”.

Da produción e rodaxes ao impulso de festivais e promoción exterior

A liña que conta cun maior orzamento dentro do programa é a vencellada á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, que con 3,5 M€ “é clave para impulsar a produción independente en Galicia”, lembrou o representante da Xunta. Así, indicou que funciona, por unha banda, como capital inicial ou semente para proxectos que comezan o seu financiamento e, por outra, como apoio que completa o orzamento daqueles que xa contan con outras fontes económicas. Dá cobertura a distintas modalidades: longametraxes de ficción, animación e documental; coproducións minoritarias galegas; curtametraxes e series de ficción e animación.

Outra das liñas con máis peso é a que se refire á realización de rodaxes audiovisuais en Galicia e que se puxo en marcha no 2021 dentro do Hub Audiovisual deseñado no seu momento para axudar a paliar os efectos económicos da pandemia no sector. Ten neste ano unha partida de 2,2 M€ coa pretensión, manifestou o responsable de Agadic, “de que o noso territorio compita en igualdade de condicións con outros do Estado que contan con incentivos fiscais diferenciados —como País Vasco, Navarra ou Canarias— e que, polo tanto, presentan maiores vantaxes á hora de atraer producións de alto orzamento”.

No que respecta á creación audiovisual para a promoción do talento galego, esta achega dirixida a fomentar a realización e posprodución de curtamentraxes, así como a produción de longramentraxes de directores e directoras noveis, conta cun orzamento de 176.000€. Trátase dunhas subvencións “que esixen que tanto os proxectos presentados como as obras resultantes estean en versión orixinal galega e representan en moitos casos a primeira oportunidade para profesionais que buscan abrirse paso na industria audiovisual”, aclarou Sutil.

Outra das convocatorias publicadas para este 2026 é a que impulsa a celebración de festivais do sector en Galicia e que está dotada con 310.000 euros. A súa finalidade é axudar en eventos de interese estratéxico nos gastos relacionados cos equipamentos técnicos de proxección, a xestión de dereitos das películas, o subtitulado, os materiais de promoción e difusión, a xestión de convidados e os gastos de persoal da organización.

Por último, con 80.000€ abórdase a promoción exterior da industria audiovisual e dos videoxogos de Galicia, financiando así parte dos gastos asociados á asistencia a eventos internacionais e facilitando a presenza de profesionais e empresas galegas en feiras e mercados especializados de referencia.

Imaxe