Vaca Films está a rodar na Coruña Dímelo con besos, a terceira e última entrega da triloxía audiovisual baseada nas novelas de Mercedes Ron. A película, producida para Prime Video, dá continuidade a Dímelo bajito e Dímelo en secreto.
Dirixida por Denis Rovira e con guión de Jaime Vaca, a longametraxe volve reunir a Alicia Falcó, Fernando Lindez e Diego Vidales nos papeis de Kami, Thiago e Taylor. A historia pecha o triángulo amoroso protagonista dunha saga convertida nun fenómeno entre o público xuvenil.
A rodaxe comezou o 29 de xuño e desenvolverase ata mediados de agosto en diferentes espazos da cidade da Coruña e dos concellos de Pontedeume, Cabanas e As Pontes de García Rodríguez. O equipo tamén se desprazará a Ourol, na provincia de Lugo, e a Xixón.
A produción conta cunha achega de 300.000 euros da convocatoria de 2026 para a realización de rodaxes audiovisuais en Galicia, contribuíndo á contratación de profesionais e servizos locais e á proxección do territorio como escenario audiovisual.