Agadic amplía en 333.000 euros as axudas para rodaxes audiovisuais en Galicia

Engadir á miña lista de favoritos
22 de Xullo 2026

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) incrementa en 333.000 euros o orzamento destinado ás axudas para a realización de rodaxes audiovisuais en Galicia. Con esta ampliación, a convocatoria alcanza unha dotación total de 2.533.000 euros, cofinanciados pola Unión Europea a través do programa Galicia Feder 2021-2027.

A distribución queda fixada en 1.233.000 euros para a anualidade de 2026 e 1.300.000 euros para 2027. Este incremento permitirá ampliar o número de proxectos beneficiarios e atender a demanda do sector audiovisual galego.

A convocatoria está dirixida a produtoras audiovisuais independentes para a realización de longametraxes e series de ficción cunha rodaxe efectiva mínima de 20 días laborables en Galicia. As axudas poden alcanzar ata 350.000 euros por proxecto e as solicitudes, que se tramitan por orde de entrada ata esgotar o crédito, poden presentarse ata o 1 de outubro de 2026 a través do procedemento oficial.