Oito pontes cruzan aquí o río Miño, que nos tempos dos romanos era unha mina de ouro. Agora xa non hai ouro, pero si unhas augas moi valiosas: as augas termais. Hainas por toda a cidade e moitas son de balde, como as termas da Chavasqueira á beira do río. Pero ademais Ourense ten unha Praza Maior inclinada e unha zona vella rica en igrexas e capelas. O Pórtico do Paraíso da Catedral aínda conserva a súa policromía orixinal. Fóra da zona vella, en Ourense atoparemos construcións singulares como a Ponte do Milenio ou o campus universitario.