Como é natural, todas as compañías produtoras que acometan unha rodaxe cinematográfica dispoñerán dun ou varios seguros que cubran todos os riscos da produción nas súas diferentes etapas. Moitas empresas e institucións relacionadas co mundo do cine esixen constancia da existencia do seguro antes de conceder permisos ou servizos.
Seguro de responsabilidade civil
O chamado seguro de responsabilidade civil cobre todos os posibles danos que o persoal dunha produción poida causar a terceiras persoas. Pode tramitarse nunha empresa local ou estranxeira, pero sempre debe estar vixente desde que se inicie a produción ata que finalice o labor de posprodución.
Seguro de material gravado
Moi habitual é tamén o seguro de material gravado ou do negativo, que cobre os danos ou perdas que poidan sufrir os negativos das películas durante a rodaxe, as súas diversas manipulacións, almacenaxe e transporte. As compañías produtoras, ademais, poden contratar outro tipo de seguros a fin de protexer os diferentes recursos empregados nun proxecto, tales como decorados, vestiario, animais, cámaras, etcétera.
A contratación destes seguros é un tema complexo que varía en función da magnitude e características individuais de cada produción, por iso é recomendable tramitalos con empresas afeitas a traballar coa industria audiovisual.