A Galicia Film Commission promove un modelo de rodaxe responsable que minimiza o impacto ambiental das producións audiovisuais e favorece unha relación respectuosa co territorio, en liña coas directrices estatais e europeas en materia de sustentabilidade no sector audiovisual.
A aplicación de prácticas coñecidas como green shooting permite reducir a pegada ambiental asociada ás rodaxes, actuando de maneira transversal sobre a mobilidade, o consumo enerxético, a xestión de residuos, o uso eficiente dos recursos naturais e a integración co contorno social e natural.
Marco normativo e institucional
Na actualidade, a sustentabilidade nos rodaxes non é unha recomendación illada, senón unha liña estratéxica impulsada por institucións públicas e polos principais axentes da industria audiovisual:
- O Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) esixe nas súas liñas de axuda á produción a incorporación dun sistema de medición da pegada de carbono e dun plan de redución do impacto ambiental, que debe ser acreditado por unha entidade verificadora independente.
- Diversas comunidades autónomas incorporan criterios de sustentabilidade nas súas convocatorias públicas, promovendo prácticas responsables en ámbitos como o transporte, o aloxamento, o catering, a xestión de residuos ou o consumo enerxético.
Este contexto sitúa a sustentabilidade como un elemento estrutural da produción audiovisual contemporánea, especialmente relevante para rodaxes en contornas naturais e patrimoniais como as de Galic
Boas prácticas ambientais nos rodaxes
As producións que apostan polo green shooting aplican medidas concretas ao longo de todas as fases do proxecto:
Mobilidade
- Priorizar a contratación de equipos técnicos e artísticos locais.
- Reducir desprazamentos innecesarios e optimizar rutas.
- Favorecer o uso de transporte colectivo, vehículos eléctricos ou de baixas emisións e o tren fronte ao avión cando sexa posible.
Enerxía e recursos
- Empregar iluminación LED e equipos de alta eficiencia enerxética.
- Priorizar o uso de electricidade de rede ou fontes renovables fronte a xeradores fósiles.
- Reducir o consumo de auga e enerxía en localizacións e oficinas de produción.
Xestión de residuos
- Eliminar plásticos dun só uso.
- Implantar sistemas de separación selectiva e reciclaxe.
- Reutilizar decorados, atrezzo e vestiario sempre que sexa viable.
- Xestionar correctamente os residuos perigosos a través de xestores autorizados.
Catering e aloxamento
- Apostar por provedores locais e produtos de proximidade.
- Ofrecer opcións vexetarianas ou vexanas e reducir o desperdicio alimentario.
- Priorizar aloxamentos próximos ás localizacións e con políticas ambientais contrastadas.
Relación co territorio
- Protexer a flora, a fauna e o solo nas localizacións naturais.
- Limitar a ocupación de espazos sensibles e deixar as localizacións no mesmo ou mellor estado tras a rodaxe.
- Favorecer o impacto positivo na economía local mediante a contratación de servizos do territorio.
Estándares e metodoloxías recoñecidas
Existen metodoloxías amplamente implantadas que permiten planificar, medir e verificar a sustentabilidade dunha produción, como Green Film, Green Production Guide, Green Screen ou sistemas baseados en normas ISO de cálculo de pegada de carbono. Estas ferramentas facilitan a avaliación obxectiva do impacto ambiental e a aplicación de plans de mellora continua.
A Galicia Film Commission orienta ás producións interesadas sobre estas metodoloxías e boas prácticas, facilitando información actualizada e apoio técnico durante o proceso de rodaxe.
Compromiso coa sustentabilidade
A aposta polos rodaxes sostibles contribúe non só á protección do medio ambiente, senón tamén á modernización do sector audiovisual, á mellora da súa competitividade internacional e á preservación do patrimonio natural e cultural de Galicia.
Rodar en Galicia implica tamén rodar con responsabilidade.